O IIM incrementa o seu catálogo de servizos científico-técnicos

posted in: Nota de prensa, Noticias | 0

-Recentemente púxose en marcha o Servizo de Determinación de Metais en Mostras Ambientais, promovido desde o grupo Bioxeoquímica Mariña.  O IIM dispón xa de máis dunha decena de prestacións relacionadas coa I+D+i.

-O CSIC ten entre as súas funcións, ademais da investigación e a transferencia, proporcionar servizos científico-técnicos.

 

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2020. O Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), con sede en Vigo e cuxo principal labor é a investigación integrada e multidisciplinar sobre o mar e as especies mariñas, puxo en marcha un novo servizo científico-técnico, co que pasa a contar cunha decena de prestacións no ámbito da I+D+i, ao servizo de entidades públicas e privadas.

Trátase do Servizo de Determinación de Metais en Mostras Ambientais, promovido desde o grupo Bioxeoquímica Mariña. Abrangue tanto mostras de auga, doce e salgada, como de chans e sedimentos ou material biolóxico.

“Este servizo ponse en marcha tras máis de 20 anos de experiencia de traxectoria do grupo na determinación de metais e elementos traza nestes tipos de mostra, cos equipos máis avanzados para as devanditas determinacións. Con el, ademais, ofrécese a determinación das terras raras e elementos do grupo do platino, dos cales somos un referente tanto a nivel nacional como internacional, o tratamento de mostra e a asistencia técnica para a toma e tratamento das mostras”, destaca Antonio Cobelo García, responsable do servizo, que está pensado para “dar resposta a este tipo de demandas tanto dentro do sector público de investigación como do sector privado”.

 

O catálogo de servizos científico-técnicos do IIM

 

O IIM consta de catro departamentos altamente interrelacionados que acollen á súa vez a 14 grupos de investigación. Actualmente, ofrece 56 prestacións de servizos científico-tecnolóxicos agrupados en 10 grupos de servizos recoñecidos no catálogo do CSIC:

 

  • Servizo de Instrumentación, Modelización, Análise e Procesamento en Oceanografía
  • Servizo de Análise de Gases Efecto Invernadoiro en Augas Naturais
  • Servizo de Determinación de Metais en Mostras Ambientais
  • Servizo de Citometría de Fluxo
  • Servizo de Microscopía e Análise de Imaxe
  • Servizo de Historia Vital
  • Unidade Técnica de Biobanco
  • Servizo de Xenómica Funcional en Peixes
  • Servizo de Xenómica e Análises Bioinformáticos
  • Servizo de Identificación de Especies e Secuenciación
  • Servizo Avanzado de I+D de Conservación de Alimentos
  • Servizo de Instrumentación Científica e Calidade

 

Ademais, o IIM é Laboratorio Nacional de Referencia de Enfermidades de Moluscos Bivalvos con funcións establecidas por directiva europea. Por último, conta con dúas importantes instalacións: o Servizo de Acuarios e o Servizo de Planta Piloto.

“No seu conxunto, o IIM recolle unha relevante oferta tecnolóxica de calidade e que engloba un amplo abanico de tecnoloxías no eido mariño ao servizo de empresas e outros axentes de I+D públicos ou privados. A xestión global dos servizos recae na vicedirección técnica do IIM, pero cada servizo ten un responsable científico e varios técnicos encargados da execución das prestacións. O catálogo completo de servizos e prestacións do IIM pódese consultar na súa páxina web, www.iim.csic.es”, explica o seu director.