O CSIC colabora na “Vuelta a España por la Diabetes. Kilómetros por la diabetes”

posted in: Nota de prensa, Noticias | 0

 

– A través do Instituto de Investigacións Mariñas (Vigo)

 -Trátase dunha iniciativa promovida pola Fundación Diabetes Cero e a Asociación Diabetes Madrid que consta dunha carreira virtual con 17 paradas, asociada cada unha a un Obxectivo de Desenvolvemento Sostible da ONU ( ODS). Mediante unha app os participantes contan os seus pasos e a app móstralles contidos relacionados co ODS de cada meta unha vez alcánzana.

-O IIM é a entidade seleccionada para a única etapa desta iniciativa en Galicia, en Pontevedra, dedicada ao ODS-14, vida submarina. Será do 29 de outubro ao 1 de novembro e a entidade colabora facilitando recursos didáctico-lúdicos acerca da cultura oceánica que se poñen ao dispor dos participantes.

 

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2020. O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), é unha das entidades colaboradoras na “Vuelta a España por la Diabetes. Kilómetros por la diabetes”, iniciativa virtual que comezou o 12 de setembro e que concluirá 14 de novembro e que consta de 17 etapas, asociada cada unha a un Obxectivo de Desenvolvemento Sostible ( ODS).

 

A carreira é un desafío colaborativo, non competitivo. Os participantes poden selo a nivel individual ou colectivo. Empregan unha app para contar os seus pasos e percorrer as etapas. Cando chegan a unha meta, a app móstralles o contido relacionado con ese lugar e o ODS asociado.

 

En Galicia a única etapa desta iniciativa será en Pontevedra do 29 de outubro ao 1 de novembro e está dedicada ao ODS-14, vida submarina. É por iso que participa o IIM-CSIC, cuxa investigación multidisciplinar pretende contribuír aos ODS en tres aspectos principais: Océanos e clima para predicir cambios e basear accións para combater ou mitigar o seu impacto; Biodiversidade mariña e conservación para usar de forma sostible os océanos, mares e recursos mariños; e Alimentos, bioproductos e saúde para garantir a seguridade alimentaria, mellorar a alimentación, a saúde e o benestar humanos.

 

“O IIM é a entidade que colabora nesta etapa e faino poñendo ao dispor dos participantes unha gran cantidade dos nosos recursos divulgativos” – explica Jaime Amaro Blanco, responsable de Comunicacións da Unidade de Cultura Científica do IIM – “cos nosos vídeos e actividades pretendemos promover a cultura oceánica entre as persoas que participan; amosarlles como o océano inflúe en nós, pero tamén como nós influímos no océano.”

 

“Os mares son unha gran fonte de bioproductos, algúns dos cales estánse xa a estudar na investigación médica para a diabetes. Destruír os ecosistemas mariños sería unha gran perda en moitos sentidos” – engade Amaro.

 

Algúns destes recursos inclúen os curtos audiovisuais de “ Kaleidolabs”, promovida en 2014 coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía ( FECYT) co obxectivo de dar a coñecer o labor do IIM, a biodiversidade das augas galegas e as actividades mariñas relacionadas co mundo mariño.

 

Tamén o documental “ SyngDoc”, promovido en 2017 coa colaboración da FECYT e coa labor de divulgar que son os signáticos, as principais curiosidades sobre estas especies tan descoñecidas, a súa vulnerabilidade, derivada das súas características biolóxicas, ecolóxicas e da súa organización social e espacial, e a necesidade de protección.

 

Ademais, poránse ao dispor da organización da carreira virtual, os vídeos producidos o pasado xuño coa iniciativa “ ArelaDeMar”. Nesta campaña promovida polo Día Mundial dos Océanos, o IIM en coordinación co ICM-CSIC de Barcelona colaborou con diferentes artistas locais, investigadores e investigadoras que expresaron, en forma de pequenas obras de arte, os seus desexos para o océano.

 

Por último, a ocasión servirá tamén para dar a coñecer o novo vídeo institucional do IIM, que se estreará ao longo do mes de outubro no marco da European Green Week. Este vídeo pretende presentar unha visión actual e real de todo o traballo que o Instituto realiza para producir, aplicar e comunicar o coñecemento que nos achegan os océanos desde unha perspectiva multidisciplinar.

 

A inscrición á carreira realízase a través da web da iniciativa: https://www.kilometrosporladiabetes.org

 

Para máis información

 

Polo CSIC: Ana Bellón Rodríguez (696 926 189)

Pola Asociación Diabetes Madrid: Jorge Hinojosa Bolivar ADM (669 473 324)

Pola Fundación Diabetes Cero: Paula Casado (647 532 728)