Con motivo do Día Mundial dos Océanos, promovido pola ONU e que se celebra o día 8 de xuño a nivel global, dende a Unidade de Cultura Científica (UCC) do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (CSIC) e o Comité de Cultura Marina do Institut de Ciències del Mar (ICM-CSIC) promoveremos a campaña #ArelaDeMar para que xuntas, todas as persoas, poidamos expresar por un día o moito que nos da o océano e todo o que lle desexamos.

A campaña desenvolverase, ademais coa colaboración do CEAB en Cataluña, o IMEDEA nas Illas Baleares e o ICMAN en Andalucía, así como co apoio doutras moitas organizacións a diferentes niveis.

 

Que é #ArelaDeMar e como participo?

Unha arela é un desexo, un degoiro, un devezo moi forte de algo e a ansia por conseguilo.

Cremos que na situación que vivimos, moita xente comparte a arela de volver gozar co océano (nas praias, paseando ao seu carón, etc.), pero tamén que moitos teremos reflexionado sobre a importancia de coidalo e teremos arelas dun mar limpo, libre de plásticos, sen acidifación e cheo de vida diversa.

O obxectivo da nosa campaña é promover, na sociedade, unha acción conxunta o día 8 de xuño en redes sociais. Para participar na campaña non hai moitas regras. Velaquí unhas simples pautas a seguir no caso de participares:

 

1. Pensa na túa #ArelaDeMar. As arelas poden ser persoais (“Que é o que máis arelas facer ou sentir unha vez podas volver gozar completamente do océano?“) ou globais (“Como desexas ver o océano nun futuro próximo?” ou “Que problemas deveces por ver solucionados canto antes?“).

Se te decantas por unha arela global, anímate a mergullar e investigar na ciencia mariña; hai moito que facer alén de rematar cos plásticos!

 

2. Decide un título. O título da túa arela será unha pequena frase, dunhas 12-15 palabras, na que expreses o(s) teu(s) desexo(s) e que inclúa o cancelo #ArelaDeMar (en singular). P. ex.: A miña #ArelaDeMar é bañarme de novo na ría ou Devezo por ver o mar libre de plásticos.

 

3. Libera a túa creatividade. Baseándote na túa arela, ponte mans á obra e crea algún tipo de creación artística (un vídeo, un texto, un poema, unha ilustración, unha canción…) que ilustre o teu desexo. 

 

4. O día 8 de xuño, comparte a túa #ArelaDeMar nas túas redes sociais. Na publicación, lembra incluír o teu título co cancelo #ArelaDeMar (tamén podes engadir #DíaMundialDosOcéanos ou #WorldOceansDay) e unha foto ou gravación da túa creación artística. Tamén podes etiquetar ao IIM en Twitter, Facebook e Instagram usando @iim_csic.

 

Tamén podes colaborar co Institut de Ciències del Mar (ICM-CSIC). Dende Barcelona, están pedindo vídeos a todas as persoas que desexan participar na creación dun vídeo musical colaborativo coa música do artista catalán L’Ultim Indi. O vídeo publicarase o día 8 dentro da campaña #AnhelDeMar (#AnheloDeMar).

Os vídeos poden estar en calquera idioma, difunde e participa! Máis información aquí.

 

Precisas de inspiración?

Non te preocupes! Se non tes moi claro que facer para amosar a túa #ArelaDeMar podes visitarnos (e seguirnos) nos nosos perfís de redes sociais en Facebook, Twitter e Instagram.

Ao longo de maio e ata o día 8 de xuño, iremos compartindo con toda a nosa comunidade unha serie de arelas producidas por artistas, creadoras/es e investigadoras/es galegas e galegos que poderán servir de inspiración. Teremos poemas, ilustracións e até gancho!

Aquí abaixo deixamos, como exemplo, a #ArelaDeMar da poeta e creadora escénica galega Helena Salgueiro (CC 4.0 BY-NC-ND):

 

 

Outras arelas ibéricas

Coordinándonos co ICM, coa colaboración con outros centros do CSIC dedicados á investigación mariña e de cara ao inicio da Década Mundial dos Océanos (2021-2030), queremos convertir #ArelaDeMar nunha onda que inunde a rede en todos os recunchos da Península o día 8 de xuño.

Así, a campaña será promovida co nome de #AnseioDeMar en Portugal, #AnhelDeMar en catalán e #AnheloDeMar en castelán. Ademais, tras unha enquisa na nosa conta de Twitter, escolleuse #ItsasIrrika como o cancelo oficial en éuscaro.

Estamos abertos á adición doutros idiomas peninsulares á campaña. Se tes algunha proposta, fáinola chegar por correo a jcastro@iim.csic.es.

 

Apoio institucional

Dentro e fóra do CSIC, varias institucións teñen amosado o seu interese en apoiar a campaña, ou ben difundindo o contido que o IIM-CSIC publica en redes ou ben producindo as súas propias campañas.

Se queres unirte como institución animando á túa comunidade a participar, agradeceríamos que te inscribises nun destes formularios:

Cando o fagas, porémonos en contacto para facerche chegar os logos oficiais da campaña.

 

Tes dúbidas? Fala connosco.

Para calquera dúbida, non dubides en contactarnos na seguinte dirección: jcastro@iim.csic.es.

Esperamos que vos animedes a participar!!