Persoal
Web propia        

OBXECTIVOS

O grupo de Biotecnoloxía Acuática (Acuabiotec – FishBioTech Lab) centra a súa actividade investigadora ao redor da xenómica funcional aplicada ao desenvolvemento de diferentes especies de animais acuáticos, da innovación e optimización de sistemas acuícolas, do benestar animal en acuicultura e do desenvolvemento de novas especies e produtos acuícolas.  

O noso obxectivo científico fundamental é aplicar enfoques moleculares e celulares a estudos de desenvolvemento temperán en peixes e outros organismos acuáticos, así como a aplicación de ciencia básica para mellorar o rendemento e a sustentabilidade global da acuicultura. A investigación no noso laboratorio enfócase en entender como a información codificada no ADN é utilizada con precisión polas células para realizar as funcións fisiolóxicas requiridas durante as diferentes fases do desenvolvemento. A interrupción ou rutura destes mecanismos reguladores é responsable de moitas anomalías do desenvolvemento. O noso obxectivo por tanto é revelar o funcionamento dalgúns destes mecanismos, que, á súa vez, axudarán a entender a causa das anomalías asociadas. Usamos o peixe cebra (Danio rerio) e o rodaballo (Scopthalmus maximus) como sistemas modelo, aínda que tamén mantemos colaboracións para o desenvolvemento de experimentos no peixe lagarto (Lepisosteus oculatus), robaliza (Dicentrarchus labrax), lamprea (Petromyzon marinus) e o polbo común (Octopus vulgaris)

 

LIÑAS DE INVESTIGACIÓN

O noso traballo de investigación estrutúrase a partir do que chamamos un enfoque bottom-up. En termos simples, o noso enfoque parte da unidade hereditaria básica dun sistema vivo, o xene, cuxa información almacenada regúlase segundo a dinámica do sistema para adaptarse a funcionar baixo diferentes condicións. Este enfoque ascendente parte desas unidades hereditarias básicas do sistema, para entender a súa dinámica e cinética e, a través da comprensión das súas interaccións e correlacións, analizar e entender a función de ARNm, proteínas e, finalmente os metabolitos e a rede metabólica.

O enfoque experimental integra varias e diversas técnicas de bioloxía molecular, xenética e histoloxía. Entre as cales cabe destacar os estudos fisiolóxicos e histolóxicos de animais enteiros, a tecnoloxía de ADN recombinante, CRISPR/ Cas9, a detección de “enhancers” (ZED), Tol2 kit e transxénese BAC entre outras. Tamén empregamos diferentes técnicas de alto rendemento “high-throughput” como ATAC-seq, RRBS e RNA-seq que estudan non só xenes individuais senón o xenoma como un todo, permitíndonos medir os cambios en mecanismos a escala global.

Servizo de Xenómica Funcional en Peixes do IIM-CSIC. Actualmente o grupo Grupo de Biotecnoloxía Acuática (AcuaBioTec-FishBioTech Lab), a través do servizo de Xenómica Funcional en Peixes (GFP- IIM-CSIC), integrado dentro da Unidade de Apoio Científico-Técnico, ofrece asesoramento en diversas técnicas de bioloxía molecular, xenética e histoloxía usando o peixe cebra como especie modelo. Podes obter máis información na páxina do servizo ou na web do grupo. 

CONTACTO

Josep Rotllant Moragas

rotllant@iim.csic.es

+34 986 231 930 – ext. 860288

Ler máis