Persoal Publicacións Proxectos e contratos Teses Web do grupo

OBXECTIVOS

O obxectivo xeral do grupo é adquirir o coñecemento e desenvolver os instrumentos necesarios para unha adecuada posta en práctica do enfoque de ecosistema na xestión de recursos mariños vivos.

 

LIÑAS DE INVESTIGACIÓN

  1. Xestión dos recursos vivos mariños
  • Actualmente, faise fincapé no estudo das pautas de variación da distribución e da abundancia de larvas de cefalópodos, especialmente as do polbo común Octopus vulgaris e as da lura común, Loligo spp. nas costas de Galicia, cuantificándose o marco meteorolóxico, físico e bioxeoquímico no que se leven a cabo as pescas de larvas e estimándose, por métodos indirectos, a produción primaria e a produción transferible na cadea trófica.
  • Estúdase a ecoloxía trófica dos estadios temperáns dos recursos mariños e as súas presas potenciais, centrando os traballos en organismos zooplanctónicos.
  • Trabállase na identificación, delimitación e estimación da abundancia de poboacións explotadas e explotables e na variabilidade espazo-temporal das poboacións e das súas cohortes empregando modelos de entrevistas e preditivos, estes últimos baseados na relación, a curto e longo prazo, entre as variacións de abundancia dos stocks e de parámetros atmosférico-oceánicos adquiridos por teledetección e campañas oceanográficas.
  • Estúdase o recrutamento, crecemento, determinación da idade, parámetros reprodutivos e alimentación das especies, así coma na análise das relacións depredador-presa e hospedador-parasito en ecosistemas de latitudes tépedas e subtropicais.
  • Ademais, realízanse cultivos experimentais dalgunhas especies de cefalópodos con obxecto de optimizar sistemas de cultivo produtivos.
  1. Conservación e uso sostible da biodiversidade mariña.
  • Estúdase a diversidade biolóxica e a bioxeografía de cefalópodos procedentes de hábitats de todo o mundo, así como a influencia das actividades pesqueiras e dos contaminantes orgánicos e metais pesados na mortalidade e potencial reprodutor das principais especies de mamíferos mariños do Atlántico nororiental, co obxecto de modelar as vías tróficas polas que transcorren os contaminantes ata estes mamíferos mariños e ditaminar sobre as medidas máis adecuadas para a súa conservación.
  • Caracterización de zonas de posta e alevinaxe de cefalópodos de importancia comercial.
  1. Ecoparasitoloxía de organismos mariños.
  • A Ecoparasitoloxía está a medio camiño entre a Ecoloxía e a Parasitoloxía. Baséase nos mesmos principios que a Ecoloxía de organismos de vida libre, pero presenta unha maior complexidade, tendo en conta que ambos os dous elementos do sistema hospedador-parasito están sometidos a dúas presións selectivas, ao microambiente (a interacción entre eles) e ao macroambiente (ou ambiente externo ao sistema). Esta liña está vinculada especialmente á resolución de casos prácticos en ictiopatoloxía e malacoparasitoloxía.
  • Na actualidade, o grupo coordina o Proxecto Europeo PARASITE (KBBE-FP7: 2013-2015), un Consorcio de 21 socios e 15 países para abordar os retos identificados no último ditame científico da EFSA en relación ao asesoramento de riscos biolóxicos asociados a parasitos en produtos da pesca.
  • Arestora, o grupo xestiona dous biobancos de mostras e moléculas mariñas de parasitos de interese biotecnolóxico con fins diagnósticos, terapéuticos e de investigación. A filosofía do Biobanco é o control do proceso de cesión-doazón das mostras e a definición dunha infraestrutura de laboratorio que confira calidade, orde, destino e trazabilidade ás mesmas, e aos seus datos asociados, necesaria durante a súa preparación, almacenaxe, conservación e transporte. Estes biobancos de parasitos creáronse no ámbito da pesca extractiva e a acuicultura, a escala global. A implantación desta nova plataforma de apoio á investigación traslacional, non só asegura o acceso a un servizo de mostras e biomoléculas cun alto estándar de calidade, senón que se converte tamén nun referente de acción industrial para a investigación pública e para empresas de base tecnolóxicas. Esta infraestrutura está certificada coa ISO 9001.

 

LIGAZÓNS DO GRUPO

http://www.lareco.iim.csic.es

 

CONTACTO

Ángel F. González González

email: afg@iim.csic.es

Telf.: +34 986 231930 Ext. 860183

Ler máis