O actual Instituto de Investigacións Mariñas iniciou a súa andaina como “Laboratorio Costeiro de Vigo” dependente do Instituto de Investigacións Pesqueiras (IIP) con sé en Barcelona, no Colexio Alemán de Vigo o 12 de Xullo de 1951, aínda que se inaugurou o 23 de Setembro de 1952. O seu obxectivo era dar resposta ás necesidades do sector da pesca, imprescindible para o desenvolvemento autárquico dun país, que necesitaba mellorar a xestión de todas as fontes de alimento dispoñibles despois da traxedia da Guerra Civil de 1936-1939.

O desenvolvemento do Laboratorio Costeiro estivo marcado polo estudo dos recursos mariños e o seu ambiente, e pola súa posterior transformación en alimento. A súa situación xeográfica en Galicia estaba plenamente xustificada polo gran desenvolvemento que desde os anos corenta do pasado século ía adquirindo a pesca, non só en augas próximas senón tamén en zonas afastadas coma o Gran Sol ou Terranova. Doutra banda, os produtos procesados (salgadura, refrixerado e conserva) alcanzaban unha gran penetración no mercado nacional e internacional. O desenvolvemento da acuicultura, especialmente a do mexillón, tamén marcaron os inicios da actividade do Laboratorio Costeiro.

Ler máis