Persoal Publicacións Proxectos e contratos Teses Web do grupo Ciencia Mariña

OBXECTIVOS

A nosa investigación ten como obxectivo incrementar o coñecemento sobre transcriptómica e proteómica da resposta inmune de peixes e moluscos fronte aos patóxenos. Ademais tentamos identificar xenes que se poidan empregar como marcadores en procesos de selección xenética e mellorar a resposta inmune mediante o uso de inmunoestimulantes e vacinas.

Con este fin, estudamos a resposta inmune innata: acción e variabilidade de péptidos antimicrobianos (AMPs) e citoquinas, estudo da inflamación, actividades antivirais e antibacterianas, etc. Para iso empregamos técnicas de inmunoloxía, microbioloxía, bioloxía molecular (sistemas de secuenciación de nova xeración, estudos de transcriptómica mediante microarrays, bloqueo de xenes, etc.) e bioquímica de proteínas. Tamén empregamos o peixe cebra como modelo en determinadas enfermidades tanto de peixes cultivados coma de humanos (choque séptico, enfermidades inflamatorias, etc.).

O Laboratorio Nacional de Referencia de enfermidades de moluscos bivalvos, acreditado no 2011 coa norma ISO 17025 para diversas técnicas de diagnose de patóxenos de moluscos, que depende do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA), desenvolve as súas tarefas dentro deste grupo de investigación. O Dr. Antonio Figueras (director) xunto coa Dra. Raquel Aranguren e a Sra. Begoña Villaverde son o persoal do Laboratorio.

 

LIÑAS DE INVESTIGACIÓN

  1. Bases moleculares do sistema inmune innato de peixes e interacción cos axentes patóxenos.

Levamos a cabo un importante esforzo en secuenciacións masivas, microarrays e mesmo a secuenciación de dous xenomas completos (rodaballo e mexillón). Os resultados destas investigacións abriron moitas posibilidades de investigación sobre todo en canto a como se produce a regulación da resposta inmune fronte aos patóxenos. Verificarase o papel dos xenes que identificamos como algúns inducidos por interferón, ou mediadores lipídicos e estudarase o seu posible uso ante unha infección en peixes, como inmunomoduladores ou adxuvantes de vacinas e, ademais, o seu uso como posibles marcadores asociados coa resistencia que poidan empregarse en procesos de selección.

Para iso, unha das ferramentas que continuará sendo básica na nosa investigación será o peixe cebra. Contamos co seu xenoma completo, coa posibilidade de bloquear xenes con morfolinos e con cepas de peixes transxénicos con células fluorescentes (neutrófilos, macrófagos, células endoteliais) ou que expresan diversas moléculas fluorescentes (IL-1, IFN1) e permiten por tanto visualizar a súa expresión in vivo. O noso obxectivo é estudar a inflamación crónica asociada á obesidade (importante no campo da acuicultura e tamén no biomédico), os procesos que teñen lugar despois da infección (interacción con compoñentes e células do sistema inmune) ou a relación entre a resposta innata antiviral coa resposta adaptativa (moi importante para procesos de vacinación). Tamén, coa axuda de mutantes Rag-/- ( só resposta inmune innata xa que non teñen linfocitos B e T) pretendemos estudar a importancia da resposta innata en procesos infectivos.

 

  1. O sistema inmune de moluscos bivalvos e o seu potencial biotecnolóxico.

Ademais do noso traballo no Laboratorio Nacional de Referencia, colaborando na coordinación das tarefas que alí se desenvolven no campo do diagnóstico de enfermidades de patóxenos de moluscos (ostra, mexillón, berberecho, ameixa, etc.), é evidente que se necesita profundar nas bases da resistencia ás enfermidades que teñen estes animais para poder afrontar a loita fronte ás mesmas. Estamos a establecer acordos e consorcios non só dentro da Unión Europea senón a nivel internacional para actuar de forma coordinada neste campo. Estamos  rematando a secuencia do xenoma do mexillón, xa que é un dos recursos acuícolas máis importantes para Galicia e para España e probablemente o xenoma sexa unha fonte de información moi relevante para investigadores de moitos ámbitos. No noso caso, serao para xenes do sistema inmune e en concreto será moi valioso para continuar co estudo dos péptidos antimicrobianos (AMPs). Temos comprobado que os péptidos sintéticos da miticina C de mexillón teñen un potente efecto inhibidor fronte ao herpesvirus da ostra que rematou practicamente con toda a industria ostrícola francesa e doutros países. O seu potencial abrangue mesmo a inhibición da replicación de virus de peixes (tal como describimos), e recentemente confirmamos a súa actividade fronte a virus humanos. Polo tanto o verdadeiro potencial biotecnolóxico dos xenes destes animais está aínda por descubrir.

 

acuarios-cebras_2
Instalaciones pez cebra

CONTACTO

Beatriz Novoa García

email: beatriznovoa@iim.csic.es

Telf.: +34 986 231930 Ext. 860286

Alejandro Romero Jódar

email: aromero@iim.csic.es

Telf.: +34 986 231930 Ext. 860287

Ler máis