MISIÓN

O Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), pertencente ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), está adscrito a tres Áreas Científico-Técnicas: Recursos Naturais, Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Ciencias Agrarias, estruturándose en catro departamentos: Oceanografía; Ecoloxía e Recursos Mariños; Biotecnoloxía e Acuicultura e Tecnoloxía dos Alimentos.

Dada a importancia do mar na economía de Galicia e a demanda potencial dos distintos sectores socio-económicos relacionados co ámbito mariño (oceanografía, pesquerías, cultivos mariños, transformación e conservación de produtos mariños, impacto medio ambiental…), a misión do IIM é desenvolver un labor investigador encamiñado a cubrir, en gran medida, as necesidades existentes que se concretan nos seguintes puntos:

  • Desenvolver unha investigación integrada e multidisciplinar en ciencias mariñas que permita progresar na comprensión global dos ecosistemas mariños e no estado científico e tecnolóxico dos sectores produtivos relacionados.
  • Formar persoal investigador e técnico especializado, favorecendo a súa transferencia a outras entidades (industria, administración, ensino).
  • Contribuír ao ensino da ciencia e a súa divulgación á sociedade.
  • Transferir coñecementos científicos e tecnoloxía ao sector industrial.