O Instituto de Investigacións Mariñas conta cun servizo de acuarios (SACUIM), composto por cinco persoas do cadro de persoal especializadas no coidado e benestar dos organismos mariños sometidos a experimentación. A instalación dos acuarios do IIM está situada no anexo do edificio principal e ocupa unha superficie de 300 m2. Divídese en varias salas separadas e adecuadamente equipadas con paredes e chans preparados para traballar con auga. Todas as salas teñen subministración de auga doce, auga de mar quente e fría (filtrada ata 10 µm) e crúa (filtrada ata 50 µm), aire filtrado, termicamente acondicionado individual e un sistema para recoller os derrames. Tamén teñen un pre-tratamento con ozono de augas residuais para cumprir cos límites establecidos pola normativa.

No SACUIM trabállase con especies de peixes e moluscos como as pertencentes ao xénero Hippocampus (cabaliños de mar), peixe cebra, cefalópodos, rodaballo e mexillón. Así mesmo cóntase coa infraestrutura necesaria para xerar e manter fitoplancto e especies de zooplancto que serven como alimento ás anteriormente mencionadas.

As instalacións do SACUIM do IIM están consideradas como centro de animais de experimentación, criador e usuario co código REGA ES360570202001 e foron sometidas recentemente a unha reforma e modernización grazas a unha axuda cofinanciada con fondos FEDER (CSIC13-1E-2049 2012-2013) para infraestruturas científico-tecnolóxicas.

Ler máis