Santiago de Compostela, miércoles 24 de abril de 2024. O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) comeza mañá, 25 de abril, as actuacións do proxecto “Patrimonio Accesible”, dirixido a persoas con alzhéimer en fase leve e moderada e aos seus acompañantes. O obxectivo é promover a cultura científica en públicos con pouca ou nula oferta de actividades de divulgación e cultura científica adaptada.

O proxecto é unha proposta conxunta da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia (Delegación Institucional) con dous institutos do Consello na comunidade galega: o Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT, Santiago de Compostela), a través da súa Valorización, e o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM, Vigo), a través da súa Unidade de Cultura Científica.

Tamén se elaborou en colaboración con asociacións especializadas no tratamento de enfermos e familiares con Alzheimer, agrupadas na Federación Galega de Alzhéimer (FAGAL) como a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer do Morrazo (AFAMO), a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Burela (AFAN), a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e Outras Demencias de Fisterra e Soneira (AFAFES), a Asociación Galega de Asistencia a Enfermos de Alzhéimer (AGADEA) ou a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Viveiro (AFA Viveiro). Tamén, con asociacións de conservación do patrimonio musical, como a Fundación Legar.

En total, “Patrimonio Accesible” consta de oito obradoiros interactivos, adaptados a persoas con alzhéimer e aos seus acompañantes, que teñen como nexo de unión o patrimonio arqueolóxico e natural marítimo nas súas variantes materiais e inmateriais.

A Unidade de Cultura Científica da Delegación do CSIC en Galicia elaborará materiais de apoio para estes obradoiros adaptados ao público destinatario, fichas didácticas e unha pílula audiovisual adaptada ás persoas con discapacidade auditiva.

“Mar e pasado”: os obradoiros do IIM (Vigo)

Serán catro obradoiros, cun público reducido e contidos adaptados ao público destinatario, sobre a biodiversidade e a ecoloxía dos moluscos bivalvos e as tecnoloxías tradicionais para a súa explotación, como o marisqueo ou o punteo. Neles, os asistentes participarán a través da conexión coas súas lembranzas do pasado e da estimulación sensorial da actividade cerebral, reforzada a través das tradicionais cancións mariñeiras que actuarán como fío condutor das sesións.

Realizáronse coa estreita colaboración de AFAMO e a Fundación Legar, para a recuperación e difusión do patrimonio cultural musical de Galicia.

Terán lugar o 14 de maio en Cee , o 20 de maio en Moaña, o 10 de xuño en Burela e o 12 de xuño en Ribeira.

“Terra e Pasado”: Os obradoiros INCIPIT (Santiago de Compostela)

Serán catro obradoiros relacionados co patrimonio arqueolóxico e antropolóxico, vinculando a cultura material pasada e presente. A través de obxectos que xogan un papel activo na vida cotiá das persoas con alzhéimer, na construción da súa memoria e na percepción da súa identidade, traballarán cos seus homólogos da prehistoria, establecendo xogos relacionais que aglutinen diferenzas e semellanzas entre elas. e servir de pretexto para ofrecer coñecementos sobre as súas particularidades e contextos. Tamén haberá un obradoiro de cerámica prehistórica co apoio da Fundación Terra Termarum de Castrolandín .

Comezarán mañá, 25 de abril, en Viveiro. Continuarán o 2 de maio en Ribeira, o 30 de maio en Cee e o 11 de xuño en Moaña.


Todas as actuacións descritas foron financiadas a través do “Proxecto FCT-22-18215. Coordinación anual da Rede UCC: cultura científica accesible para persoas con discapacidade no CSIC” financiado a través do Ministerio de Ciencia e Innovación pola convocatoria da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (2022).

More