SÍGUEO POR STREAMING 

(enlace dispoñible no día da transmisión)

Financiado por Red LifeHUB.CSIC (PIE-202120E047-Conexiones Life).

Os “Encontros Espresso" son un formato de charlas que se veñen realizando no IIM-CSIC co obxectivo de coñecernos mellor entre nós,coñecer mellor a actividade que se realiza no noso centro e explorar o mundo da ciencia mariña, fomentando a discusión científico-técnica e reforzando vínculos entre grupos onde pode participar tanto o persoal investigador como técnico para compartir o seu traballo, experiencias e resultados.

Son eventos pensados especialmente para o noso persoal, pero todo o mundo está convidado a unirse a través da nosa emisión por streaming.

Este novo formato celebrarase cada dúas semanas, ás 10:00 horas no Salón de Actos do  IIM-CSIC irán acompañados con café de cortesía ("Espresso") para favorecer o bo fluír da comunicación.

Desta vez encontrámonos coa nosa compañeira, Esmeralda Broullón, procedente do Grupo de Estudios Americanos da Escuela de Estudios Hispano-Americanos / Instituto de Historia (EEHA/IH-CSIC) , que coa súa intervención pecha esta 1ª tempada dos Encontros Espresso!

Malvinas/Falkland y aguas internacionales en diálogo transdisciplinar. Un enfoque etnohistórico de las pesquerías españolas en época contemporánea.

Esta presentación exporá os resultados dunha primeira exploración transdisciplinar acerca das pesqueiras e a frota de gran altura no Atlántico Sudoccidental (ATSW). Desde un enfoque etnohistórico de partida, ten como finalidade transferir unha cosmovisión e achegar o estado da cuestión acerca destas en época actual.

Atenderase ao seu desenvolvemento no pasado recente, en canto actividade extractiva de recursos naturais nun territorio de fronteiras concibido como espazo xeográfico e fenómeno socio-político. Por esta razón, seleccionáronse as coordenadas xeopolíticas de Malvinas/Falkland e augas internacionais, correspondentes ás sub-áreas de zona de pesca 41.3.1 e 41.3.2 de FAO.

O obxectivo principal é explorar un específico modo de vida extraterritorial baixo a singradura de dous continentes (Europa-América) nun diálogo transdisciplinar. Posto que o desenvolvemento científico-tecnolóxico, os recursos naturais e as forzas de traballo a bordo son tres dos piares esenciais no acceso aos mares e unha recursos caracterizados, do mesmo xeito que a tripulación, pola súa itinerancia. Sen obviar a “nacionalización” das augas emprendidas a finais dos anos setenta do pasado século XX.

En canto a hipótese de partida sostense, de maneira correlativa, que a singularidade fronteiriza e inter-rexional dunhas augas carentes dun organismo internacional regulador (ORP), xunto á división internacional do traballo e intersección de marcadores étnicos e de xénero, introducidos no novo século, regulan a estrutura social e o imaxinario cultural das xentes que faenan mar adentro. Uns actores ‘internados’, é dicir, asistidos por un exacerbado illamento territorial e un renovado espazo segregacional no mar e en terra. Homes a bordo de distintas nacionalidades xunto a unha desnivelada inserción feminina. Dito doutra maneira, actores inmersos no industrializado proceso de captura de arrastre e elaboración do peixe, pero re-conceptualizado baixo a categoría de «salvaxe». En definitiva, unha xerárquica colectividade subsumida nunhas globalizadas cadeas de renovados consumos baixo o paradigma dun novo sistema alimentario.

Esmeralda Broullón 

Licenciada en Antropoloxía e doutora en Historia. A súa área de especialización vira ao redor dos estudos sobre a cultura en articulación con tres eixos: poboación, narrativas diaspóricas e imaxinarios políticos transculturales. Na actualidade é Científica Titular da EEHA/IH-CSIC. Foi investigadora posdoctoral no CCHS-CSIC, Madrid (JAE-doc); investigadora Ramón y Cajal na Universidade de Sevilla; docente universitaria (TU/Aneca, 2016) e asesora técnica na Consellería de Igualdade (Xunta de Andalucía).

Ao longo da súa carreira, realizou estudos de campo entre sociedades marítimo-pesqueiras do ámbito iberoamericano e prestado especial atención aos movementos sociais femininos, entre estes «Rosa dos Ventos» (Vigo). É integrante da Rede Iberoamericana de Investigación en Comunidades Marítimas (RiCoMa), coordinada pola Universidade do Mar da Prata e a Universidade de Barcelona.

Os resultados da súa investigación foron transferidos en revistas indexadas e monografías colectivas, entre as que destacan: «Inclusión social y visibilidad del rol femenino en las sociedades marítimas». En Igual, D. e González Guardiola, M. D., El mar vivido: Perfiles sociales de las gentes de mar en larga duración (siglos XV-XXI), UClM, 2020; «Politics, ideology and culture of the Andalusians in the Southern Cone of America: between Hispanic essentiality and self-identity», JILAR, 24/3, 2019; «Más allá del Gran Sol: O itinerario transoceánico das pesqueiras galegas desde una perspectiva dos Estudos Culturais (1945–1955)», Galicia 21, Bangor University and University College Cork, 2018.

Coordinou e editou o dossier, «Género, ciencia y conocimiento», Revista Internacional de Filosofía Daimon, Sup. 6, 2017 e Intrépidas. Entre Europa y las ‘Américas’: cultura, arte y política en equidad, Madrid, Praza e Valdés, 2022.

No periodo entre xuño e xullo do 2023 realiza unha estancia de investigación interdisciplinar no IIM-CSIC sobre o ‘mundo’ das pesqueiras e a frota de orixe española no Atlántico Sudoccidental: Malvinas e augas Internacionais en época contemporánea. Estancia e liña de investigación financiada pola Rede Life. Hub/CSIC: https://lifehub.csic.es

More