O CSIC únese desde Galicia á conmemoración do Día Mundial do Océano
-
As propostas terán lugar na Coruña por iniciativa do COAC (IEO-CSIC) e en Vigo por iniciativa do IIM (CSIC).
-
O COAC abre as súa portas o sábado cunha xornada especial con actividades divulgativas, e o IIM organiza unha exposición polos escaparates do comercio local da cidade olívica.

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) únese desde Galicia á celebración, o 8 de xuño, do Día Mundial do Océano, que se conmemora cada ano desde 2009 por iniciativa da Asemblea Xeral das Nacións Unidas co obxectivo de crear conciencia sobre a importancia dos océanos do mundo.
As propostas do CSIC en Galicia parten do Centro Oceanográfico da Coruña (COAC), do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), e do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC). Están deseñadas e organizadas polas Unidades de Cultura Científica dos respectivos centros. No caso do IIM contan coa colaboración do comercio local e de proximidade.
O sábado 7 de xuño, o COAC celebrará a XV edición da súa Xornada de Portas Abertas para dar a coñecer os seus traballos de investigación, realizar un percorrido polas súa instalacións no Paseo Marítimo Alcalde Francisco Vázquez e achegarse á I+D+i mediante obradoiros de divulgación sobre Pesqueiras Sostibles, Oceanografía Física, Plancto e Exploración Oceánica.
Entre outras actividades, as persoas participantes descubrirán como é un peixe por dentro e aspectos fundamentais sobre a física dos océanos. Ademais, observarán a diversidade dos organismos a través de microscopios, e explicaránselles, mediante maquetas autopropulsadas, algúns dos seus estudos. Tamén se presentará a colección de exemplares mariños. Para o público infantil, haberá o "Espazo María Hermida", con xogos sobre o mar e os seus organismos.
Como novidade nesta XV edición da xornada de portas abertas, haberá unha visita guiada con intérprete de lingua de signos, dirixida a persoas con discapacidade auditiva. Esta visita terá lugar ás 11:00 horas previa reserva a través do seguinte enlace.
A xornada desenvolverase nas instalacións do COAC (Paseo Marítimo Alcalde Francisco Vázquez, 10, A Coruña) en quendas dunha hora de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. A actividade é gratuíta sen necesidade de reserva previa, agás para a sesión con lingua de signos.
Do 8 ao 25 de xuño, en Vigo, desenvolverase a iniciativa "Escaparates Oceánicos IIM" con preto dunha vintena de negocios locais da cidade que acollerán, nos seus escaparates, instalacións artísticas compostas por elementos representativos da investigación do IIM: desde botellas Niskin para a recollida de augas profundas ata cultivos vivos de fitoplancto.
"Esta acción xorde dunha alianza co comercio local da cidade para poñer de relevo a influencia que o océano ten na nosa sociedade, pero tamén a importancia dun consumo responsable e de proximidade para a sustentabilidade dos ecosistemas oceánicos", explica Luisa Martínez, responsable da UCC+I do IIM.
Os locais seleccionados atópanse, na súa maioría, pola zona centro da cidade, coa previsión de continuar a iniciativa en vindeiros anos. A selección inclúe todo tipo de negocios (librarías, tendas de agasallos, cafetarías, xoierías...) que actúan como axentes do comercio de proximidade.
Jaime Amaro Blanco, membro da UCC+I, engade: "desde o IIM publicaremos un mapa coas localizacións de todos os establecementos participantes a modo de ruta, así como copias das cartelas informativas en galego, castelán e inglés. Tamén queremos saír á rúa co noso persoal ao longo de todo o mes, percorrendo os Escaparates Oceánicos, contextualizando as instalacións e dialogando directamente coas persoas responsables das tendas, coa clientela e, en definitiva, coa cidadanía viguesa".
Toda a información poderá consultarse, ao longo do mes, no seguinte enlace.