Vigo, 26 de abril de 2022. Contidos mellor organizados e imaxe renovada. O Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas (IIM-CSIC) presenta hoxe a renovación do seu sitio web (iim.csic.es).

Destinada a actuar como punto de encontro coa comunidade externa do IIM-CSIC, o novo espazo na rede pretende "mellorar a nosa visibilidade, o noso impacto e reforzar unha imaxe que se axuste aos nosos valores de transversalidade, sustentabilidade, transparencia e diversidade". Isto defende o director do IIM, Fran Saborido Rey, que engade que o toda esta concepción atopa coherencia "nos nosos puntos de partida e chegada; o océano e a sociedade".

A nova web supón un salto cualitativo claro na aposta do IIM-CSIC por posicionarse coma un centro de alto impacto no eido das ciencias mariñas.

Por un lado, a reorganización dos contidos pretende remarcar unha das grandes fortalezas do instituto vigués, a súa alta transversalidade dentro das ciencias oceánicas.

As novas seccións de Investigación e Innovación organízanse en 3 grandes Programas Transversais de Investigacións e Innovación (TRIPs, polas súas siglas en inglés) dos que partes 9 liñas de investigación e 9 sectores produtivos que definen o traballo do Instituto.

Outras seccións buscan acadar un dos principais obxectivos desta web, reforzar o diálogo coa sociedade. Así, a nova sección Sociedade agrupa o traballo feito en Cultura Científica e Oceánica polo centro, os recursos producidos e as novas iniciativas, así como todo o relacionado coa Ciencia Aberta e o traballo do servizo de Biblioteca. A sección de Traballo e Formación (Work & Study) dará acceso a todas as oportunidades que xurdan para entrar a formar parte, dun xeito ou outro. Por último, a sexta sección será a que dea acceso ás novidades máis recentes do IIM-CSIC, agrupando todas as noticias e eventos de relevancia.

Por outro lado, o novo deseño busca reforzar a claridade do contido e o valor, interese, impacto e beleza do traballo que se desenvolve no Instituto.

Este novo espazo presentase despois dun longo traballo da Dirección do centro, da Unidade de Internacionalización e Transferencia (IACIC), da Unidade de Cultura Científica (UCC+i) e, en definitiva, de todo o persoal que contribuiu, dun xeito ou outro, ao nacemento desta nova web. 

Con todo, o traballo inda non está finalizado xa que a web concíbese como unha ferramenta flexible e duradeira, que poda manterse no tempo e poda seguir contribuíndo á maior visibilidade do centro, tanto localmente coma no mundo. Polo pronto, nas vindeiras semanas agárdase un importante desenvolvemento, coa tradución de todos os contidos a galego e castelán. Un procedemento que xa está en marcha e se publicará nas próximas semanas.

Esta nova web web foi programada pola empresa Omitsis Drupal, con deseño de Ondeuev, que xa contaban con experiencia previa en proxectos similares no mundo da ciencia como no deseño da nova web do ICM-CSIC, estreada en 2020.

More