1951: Os inicios

O actual IIM-CSIC iniciou a súa andadura no edificio do antigo Colexio Alemán de Vigo baixo o nome de "Laboratorio Costeiro de Vigo", dependente do Instituto Nacional de Investigacións Pesqueiras (IIP-CSIC).

A instalación do Laboratorio Costeiro en Galicia respondía ao gran desenvolvemento que estaba a experimentar o sector pesqueiro e o procesamento dos produtos do mar na comunidade autónoma dende os anos 40. Así, as liñas de investigación iniciais do IIM-CSIC centráronse no estudo dos recursos pesqueiros para responder ás necesidades tanto da industria extractiva como da do procesamento. De feito, unha das primeiras publicacións do Laboratorio Costeiro de Vigo (en marzo de 1952) facía referencia á "crise da sardiña" que atenazaba o sector pesqueiro e a industria conserveira na época.

 

1951 - Foto do Colexio Alemán - 1ª sé do IIM na actual rúa Pi i Margall
Anos 50

Durante esta década, R. Margalef e B. Andreu continuaron co estudo da dinámica poboacional da sardiña e publicaron un dos primeiros artigos sobre oceanografía e pesquerías en 1958.

Ademais das sardiñas e outras especies de interese para a pesca, como o trancho, a pescada ou o bacallau, os estudos do persoal científico-técnico (por entón coñecido como "laborantes") do Laboratorio Costeiro de Vigo expandíronse cara ás macroalgas e a ecoloxía e cultivo dos moluscos bivalvos (incluída a ostra plana europea, que comezara o seu declive nos bancos marisqueiros galegos naquela época), así como cara á interacción entre estes recursos e os procesos fitoplanctónicos e oceanográficos dos ecosistemas únicos das Rías.

 

Foto dos 1950s de Carmen Mouriño, Fraga e máis
Anos 60

En 1961, o IIM-CSIC viuse obrigado a se mudar a outra sede na Avenida Beiramar de Vigo debido a que o Colexio Alemán foi reclamado polo goberno alemán.

Durante os seguintes anos, o laboratorio cobrou relevancia a nivel internacional. Fernando Fraga retomou os estudos oceanográficos de Margalef e, en 1964, converteuse no primeiro oceanógrafo español en publicar un artigo na prestixiosa revista Deep Sea Research, onde presentou os seu achados sobre o papel da materia orgánica disolta no ciclo do nitróxeno.

Tamén durante esta década (en 1966), Manuel G. Larrañeta foi invitado a bordo do buque factoría Galicia na súa expedición cara aos caladoiros de pescada de Sudáfrica, dando así orixe a unha liña de investigación sobre pesquerías de augas profundas que segue activa hoxe en día. 

A intensa actividade do IIM-CSIC no estudo da dinámica dos bivalvos, e en especial os estudos levados a cabo por A. Figueras Monfort e B. Andreu, levaron o Instituto a participar activamente no desenvolvemento do primeiro Plan Marisqueiro de Galicia, aprobado polo goberno en 1970 (RD 1238/1970).

Balck & white picture of person looking at wooden shellfishing apparel
Anos 70

En 1973, o Instituto asentouse definitivamente no barrio de Bouzas, que seguiu sendo o seu fogar ata hoxe. O novo edificio, deseñado por Desiderio Pernas, permitiu desenvolver novas infraestruturas, tales como unha planta piloto de procesamento de produtos do mar deseñada por HERMASA.

En 1978, o IIM-CSIC independizouse do IIP-CSIC e cambiou o seu nome polo de Instituto de Investigacións Pesqueiras de Vigo para dar resposta ás demandas do sector pesqueiro, que reclamaba institucións descentralizadas que puidesen responder ás necesidades da súa actividade. 

Naqueles momentos, o Instituto estaba estruturado en seis grupos de investigación: Oceanografía, Sistemas Estuáricos, Bioloxía Pesqueira, Bioquímica Mariña, Química dos Produtos do Mar e Tecnoloxía de Produtos Pesqueiros.

Foto en branco e negro do edificio do IIM en Bouzas o día da súa inauguración.
Anos 80

Durante esta década creáronse novas liñas e grupos de investigación, diversificando así o eido de actuación do Instituto e contribuíndo a consolidar as liñas de investigación iniciais ao tempo que se exploraban novos campos de estudo.

A modo de exemplo, en 1988, o IIM-CSIC comezou a participar nas expedicións pesqueiras do Flemish Cap, participación que continúa ata o día de hoxe. 

Aínda que a liña de investigación sobre pesquerías permaneceu aberta e activa, a aparición de novos intereses de investigación nos campos da oceanografía, tecnoloxía de alimentos, acuicultura, patobioloxía e ecoloxía facían patente a necesidade dun cambio. 

En maio de 1986, o Instituto de Investigacións Pesqueiras de Vigo cambiou a súa denominación pola actual, o Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC, para reflectir o seu carácter multidisciplinario e a súa visión holística sobre a investigación dos ecosistemas mariños.

O IIM-CSIC estaba a se converter nun referente no eido da investigación mariña. Os avances levados a cabo por Francisco Fraga en investigación oceanográfica e en química mariña valéronlle o recoñecemento de ser o primeiro investigador do IIM-CSIC en se converter en membro da Real Academia Galega de Ciencias (1987).

Tres persoas, entre elas, Antonio Vázquez, traballando nunha liña de traballo nun pesqueiro.
Anos 90

O crecemento progresivo do IIM-CSIC facía necesaria a ampliación e adaptación das súas infraestruturas ás súas novas necesidades. En 1993, ampliouse o edificio principal cun edificio anexo adaptado á experimentación con organismos acuáticos.

Estas novas infraestruturas, xunto coa consolidación e recoñecemento dalgunhas liñas de investigación, como a de patobioloxía de bivalvos, levaron ao establecemento do Laboratorio Nacional de Referencia de Enfermidades de Moluscos Bivalvos no Instituto en 1995. Dirixido por A. Figueras, actualmente o laboratorio segue a se encargar de avaliar o índice de risco de certas enfermidades que afectan os moluscos bivalvos en España e de coordinar os esforzos de detección con outros laboratorios europeos da mesma natureza.

Durante esta década, os estudos sobre acuicultura foron en aumento co obxectivo non só de optimizar a acuicultura tradicional, senón tamén de desenvolver técnicas de acuicultura para novas especies, como o polbo, que segue a constituír unha das liñas de investigación principais do IIM-CSIC.

berberechos
Década de 2000

O compromiso do IIM-CSIC de facer fronte aos retos sociais púxose de manifesto durante a vertedura de petróleo do Prestige en 2002, cando os esforzos de todos os grupos de investigación do IIM-CSIC se centraron en avaliar as consecuencias tanto para o ecosistema mariño como para os recursos pesqueiros e acuícolas, así como en deseñar medidas de biorremediación e en predicir a deriva e os impactos da vertedura.

Durante esta década comezaron a xurdir os primeiros proxectos dedicados en exclusiva a fomentar a cultura científica arredor da investigación mariña (Divulgamar, Ciencia na Escola), abrindo o camiño á introdución do concepto de cultura oceánica, que actualmente constitúe un eixo transversal das actividades do IIM-CSIC.

En liña cos cambios sociais asociados ao cambio do milenio, en 2006 o IIM-CSIC pasou a estar dirixido por unha muller, Aida Fernández Ríos, por vez primeira na historia do Instituto.

mejillón intermareal
Década de 2010

En 2015, Aida Fernández Ríos converteuse na terceira muller en ingresar na Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) grazas á relevancia dos seus estudos sobre a relación entre as emisións antropoxénicas de dióxido de carbono e a acidificación oceánica.

Durante esta década, o Instituto continuou destacando polo carácter multidisciplinario da súa investigación, que permitía unha comprensión integral e global dos ecosistemas mariños para así desenvolver formas innovadoras e sustentables de utilizar os seus recursos: do océano á mesa.

O IIM definiu tamén a súa organización actual, estruturada en catro departamentos: (1) Oceanografía, (2) Ecoloxía e Recursos Mariños, (3) Biotecnoloxía e Acuicultura e (4) Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos, que abranguen 14 grupos de investigación moi relacionados entre eles, o que permite levar a cabo investigacións e innovacións en numerosos e moi diversos campos.

Historia_Labo
Década de 2020

O IIM-CSIC volveu a se esforzar para cubrir as necesidades da sociedade en momentos de crise, como no caso da pandemia da COVID-19. Como exemplo das súas capacidades multidisciplinarias, o IIM-CSIC participou no desenvolvemento de técnicas para predicir a incidencia da COVID-19 mediante a análise de augas residuais en plantas de tratamento durante os peores momentos da pandemia. Actualmente coordina o Plan Complementario de Ciencias Mariñas en Galicia, que ten como obxectivo responder ás necesidades de recuperación económica tras esta situación mediante a innovación en ciencias mariñas, facilitando tamén á nosa sociedade mecanismos de resiliencia de cara a futuros retos.

En 2021, o papel do IIM-CSIC na investigación mariña recibiu un novo recoñecemento con dous novos ingresos na Real Academia Galega de Ciencias: Fiz Pérez pasou a ser membro da RACG en setembro de 2021 grazas aos seus estudos sobre o ciclo do carbono no océano e o impacto do cambio global sobre el. En novembro de 2021, Isabel Medina ingresou tamén na RACG grazas aos seus prestixiosos estudos acerca dos efectos do consumo de produtos do mar sobre a saúde humana.

Mytilus proa
O futuro próximo

A innovación e o uso de tecnoloxías punteiras está a marcar esta nova década no IIM-CSIC. O uso de técnicas -ómicas de última xeración, o desenvolvemento de tecnoloxías de baixo custo para a vixilancia dos océanos, a intelixencia artificial, os xemelgos dixitais, etc. están a abrir novas portas á colaboración non soamente con distintos campos de coñecemento, senón tamén con distintos sectores industriais e coa sociedade en conxunto.

O IIM está a desenvolver actualmente un importante proxecto: a concepción, o deseño e a construción dunha nova sede nun lugar emblemático da Ría de Vigo, unha antiga base militar que antano aloxaba a ETEA (Escola de Transmisións e Electricidade da Armada), no barrio de Teis. Isto permitirá ao Instituto medrar e interactuar con outros centros de investigación próximos nun futuro. Por este motivo, a intención do IIM é que estas novas instalacións se convertan nun lugar de referencia para a investigación mariña, fomentando a transferencia de tecnoloxía aos sectores implicados e promovendo a divulgación da ciencia mariña a toda a sociedade a un nivel local, rexional, nacional e internacional.

ETEA
More