O proxecto EMPHATIC impulsa novas técnicas para avaliar a saúde e distribución dos cetáceos
- Esta iniciativa europea, vixente ata 2027, está liderada polo CSIC e busca proporcionar ferramentas efectivas para a conservación mariña e apoiar as políticas medioambientais.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2025.
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) avanza, xunto co resto de socios, no proxecto EMPHATIC, liderado polo Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) coa participación do Centro Oceanográfico de Vigo (COV, IEO-CSIC) e socios de catro países europeos: Universidade de La Rochelle (LRUniv, Francia), Centro Interdisciplinario de Investigación Mariña e Ambiental (CIIMAR, Portugal), Dirección Xeral de Recursos Naturais, Seguridade e Servizos Marítimos (DGRM, Portugal) e a Fundación de Investigación CIMA (Italia).
O proxecto, que se iniciou en 2024, ten como obxectivo avanzar na monitorización e conservación das poboacións de cetáceos mediante o desenvolvemento de metodoloxías pioneiras que permitirán xerar indicadores relevantes sobre o estado das súa poboacións para dar resposta ás necesidades das políticas medioambientais.
O fin último é crear protocolos e indicadores robustos que permitan coñecer en profundidade o estado das poboacións de cetáceos e poñer estas ferramentas a disposición das partes interesadas para dar resposta ás necesidades de conservación actuais.
"Estamos centrados no desenvolvemento de indicadores de saúde e distribución dos cetáceos, que serán integrados nunha ferramenta de seguimento destinada a responsables políticos e outras partes interesadas", sinala Graham Pierce, coordinador do proxecto EMPHATIC e investigador do IIM.
Para iso, o consorcio está a implementar metodoloxías innovadoras e non invasivas que complementen as técnicas tradicionais. Entre elas destacan o uso de ADN ambiental (eDNA) para determinar a presenza e diversidade de especies a partir de mostras de auga, a fotogrametría aérea con drons para avaliar a condición corporal e a análise de mostras de sopro para estudar o microbioma do tracto respiratorio, así como os niveis hormonais co fin de determinar o estado xeral de saúde dos animais.
Durante o seu primeiro ano de traballo, o proxecto EMPHATIC centrou os seus esforzos no deseño e optimización dos protocolos de campo e laboratorio.
"Recollimos as primeiras mostras e formalizamos os plans de xestión de datos, mitigación de riscos e divulgación do proxecto. O noso obxectivo agora é compilar todos os protocolos probados e os materiais de formación, así como completar a recollida de todas as mostras necesarias para validar as metodoloxías desenvolvidas", engade Pierce.
Estes protocolos e metodoloxías desenvolvidos durante o proxecto integraranse nunha ferramenta de seguimento deseñada para avaliar a diversidade, distribución e estado de saúde dos cetáceos. Esta ferramenta, que incluirá tamén elementos de formación e capacitación, será distribuída directamente entre as entidades interesadas, incluídos os responsables políticos e organismos rexionais encargados das avaliacións ambientais, tanto a nivel nacional como europeo.
O IIM-CSIC lidera os paquetes de traballo de coordinación e de adquisición de datos e mostras, e a tarefa de desenvolvemento de índices de saúde a nivel poboacional. Tamén participa noutras tarefas do proxecto, incluíndo a análise do microbioma respiratorio dos cetáceos (co CIIMAR), un aspecto clave para comprender o seu estado de saúde e posibles factores de estrés ambiental. Esta liña de traballo básase na recollida e estudo de mostras de sopro exhalado polos animais, que permiten caracterizar as comunidades microbianas presentes no seu tracto respiratorio. Actualmente, o grupo xa obtivo resultados preliminares que permitiron optimizar os protocolos de extracción de ADN e establecer unha metodoloxía de secuenciación eficaz e reproducible. Estes avances non só representan un fito dentro do proxecto, senón que tamén abren a porta á súa aplicación en estudos comparativos con outras especies mariñas ou en diferentes ecosistemas, o que reforza o potencial do enfoque microbiolóxico como ferramenta para a avaliación da saúde en mamíferos mariños de xeito non invasivo.
O equipo de Mamíferos Mariños do COV, liderado por Camilo Saavedra, levou a cabo dúscampaas: RorquGAL B&B, centrada no rorcual común en augas galegas, e CetaRIA B&B, dedicada ao estudo do golfiño mular e o golfiño común na ría de Vigo. Estas campañas permitiron obter mostras de sopro e imaxes aéreas aptas para fotogrametría. Ademais, durante a campaña PELACUS do IEO recolléronse mostras de ADN ambiental en augas da plataforma continental do norte e noroeste da Península Ibérica para estudar a diversidade e distribución de cetáceos nesta área.
EMPHATIC conta con financiamento a través da convocatoria conxunta BiodivMon 2022-2023 de Biodiversa+ (Asociación Europea para a Biodiversidade), con cofinanciación da Comisión Europea, a Fundación Biodiversidade (FB, España), a Fundación para a Ciencia e a Tecnoloxía (FCT, Portugal), a Axencia Nacional de Investigación (ANR, Francia) e o Ministerio de Universidades e Investigación (MUR, Italia).