Santiago de Compostela, 21 de maio de 2025. 

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), vén de confirmar que o polbo común (Octopus vulgaris) non produce corticosteroides asociados ao estrés nos vertebrados, o que suxire que conta cun sistema de resposta ao estrés distinto. O achado podería ter implicacións importantes para o seu cultivo en acuicultura e o manexo do benestar animal.

A investigación foi realizada polo grupo de Biotecnoloxía Acuática do IIM-CSIC en colaboración co Centre for Environment, Fisheries and Aquaculture Science (Reino Unido), o Pescanova Biomarine Center (España) e o Centro de Ciências do Mar do Algarve (Portugal). Enmárcase en proxectos financiados polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI) e polo propio CSIC.

O estudo analizou os mecanismos de resposta ao estrés e a posible regulación osmótica no polbo común. “Esta especie é un candidato prometedor para diversificar a acuicultura en Europa. A medida que medra o interese polo seu cultivo, tamén aumentan as preocupacións sobre o seu benestar. En peixes e anfibios, a medición de cortisol ou corticosterona utilízase con éxito como indicador de estrés. Por iso, queriamos saber se os polbos tamén producen estas hormonas e, no seu caso, se as liberan á auga como resposta ao estrés”, explica o investigador do CSIC Josep Rotllant.

“Mediante técnicas avanzadas de cromatografía líquida e espectrometría de masas, demostrouse que este cefalópodo non produce nin cortisol, nin corticosterona, nin cortisona, hormonas clave na resposta ao estrés e na regulación osmótica en vertebrados. A súa ausencia na hemolinfa reforza a hipótese evolutiva de que os polbos carecen dun sistema neuroendocrino baseado en corticosteroides”, engade.

O estudo tamén observou que, aínda que a absorción de cortisol do medio acuático era baixa, os polbos mostraron unha elevada absorción de 17β-estradiol (E2), coherente co que se viu noutros moluscos.

“Isto podería explicar a elevada mortalidade de polbos tras episodios de choiva intensa nas rías galegas, onde as baixadas bruscas de salinidade afectan a súa capacidade de resposta. En especies que producen cortisol, esta hormona regula a adaptación osmótica. A súa ausencia nos polbos podería comprometer a súa supervivencia en situacións de estrés ambiental”, sinala Rotllant.

O achado contribúe ao coñecemento da fisioloxía do polbo e ten relevancia para o seu manexo en acuicultura e conservación nun contexto de cambio climático e eventos extremos máis frecuentes. Ademais, reforza a hipótese evolutiva de que os polbos non teñen un sistema de resposta ao estrés similar ao dos vertebrados.

More