• Prototipo | Morbidostat: desentrañando a resistencia a axentes antimicrobianos

    Morbidostat é un dispositivo de cultivo continuo controlado por ordenador que axusta automaticamente a concentración de fármacos para manter constante a inhibición do crecemento en cultivos microbianos. A medida que as bacterias adquiren mutacións que lles confiren resistencia aos fármacos, son capaces de tolerar meirandes concentracións dos devanditos fármacos e de medrar máis rapidamente, eliminando así a presión selectiva, que é a forza impulsora da evolución. Para compensar este mecanismo, Morbidostat aumenta a concentración do fármaco o suficiente para manter a taxa de crecemento orixinal das bacterias, mantendo así a presión selectiva ao longo do tempo. O sistema permite adquirir datos para modelar a evolución microbiana baixo estrés por axentes antimicrobianos, optimizar as estratexias de dosificación de biocidas e desenvolver cepas de alta resistencia a axentes antimicrobianos utilizadas para analizar a eficacia de novos biocidas, entre outras aplicacións.  

     

  • Piloto | iDVP: Punto de Valorización e Procesamento Integral de Descartes

    Desenvolvido dentro do proxecto Life iSEAS, no iDVP aplícase o concepto de biorrefinería á revalorización integral dos descartes pesqueiros. Consta de dispositivos de machucado/picado/homoxeneización, autoclave, separador de carne e espiñas para produción de pasta de peixe, reactores de 300-500 l configurados para a hidrólise química/encimática controlada, sistemas de separación e purificación de compostos biolóxicos, incluídas centrífugas Tricanter e equipamento de membrana (micro e ultrafiltración) e dispositivos utilizados para a concentración (evaporador ao baleiro) e o secado (liofilizador e secador por atomización). Para máis información, escríbenos un correo electrónico.

  • Patente | Procedemento para a extracción do ácido hialurónico do humor vítreo do peixe

    Autoría: Miguel Anxo Murado; María Montemayor Castroviejo; Marta López Cabo; María del Pilar González Fernández; Laura Pastoriza Enríquez

    Técnica para a preparación de ácido hialurónico (AH) a partir do humor vítreo do peixe para o seu uso en cosmética e en clínica. O proceso comprende a electrodeposición de proteínas e a súa diafiltración simultánea con recirculación total. Este procedemento permite a recuperación selectiva dos sedimentos impuros, a precipitación do AH e a solubilización de proteínas, xerando un AH cunha pureza superior ao 99,5 %. Podes ver información máis detallada premendo aquí.

     

     

  • Capacidades | Biorremediación

    Tratamento microbiolóxico de verteduras de petróleo (biorremediación) en medios mariños. Aplicación de dispersantes e axentes de limpeza costeira en condicións seguras dende o punto de vista ecotoxicolóxico para eliminar o petróleo adherido na superficie das rochas.

     

  • Capacidades | Avaliación de ameazas e puntos de control críticos nas cadeas de valor dos produtos do mar

    Avaliación e desenvolvemento de protocolos para identificar os puntos e produtos máis problemáticos canto á contaminación microbiolóxica e infestación parasitaria ao longo da cadea de valor dos produtos do mar.

     

  • Capacidades | Prospección de novos compoñentes bioactivos

    Prospección de novos compoñentes bioactivos en organismos mariños e en subprodutos da industria alimentaria, incluída a caracterización da súa actividade e a validación da súa aplicación en diferentes sectores (sanitario, cosmético, nutrición, etc.).

     

  • Capacidades | Desenvolvemento de novos produtos alimentarios a partir de subprodutos da pesca e da acuicultura

    Desenvolvemento de procesos para a transformación de descartes e subprodutos do mar en novas materias primas (pasta de peixe, aceite de peixe, etc.) con valor engadido para a xeración de innovadores produtos alimentarios procesados (hamburguesas, nuggets, etc.), garantindo a súa trazabilidade, o seu valor nutricional e a súa seguridade ao longo de novas cadeas de valor.

  • Capacidades | Desenvolvemento de bioprocesos (biorrefinerías) para extraer bioprodutos e compostos bioactivos a partir de subprodutos da industria alimentaria

    Desenvolvemento de bioprocesos que permiten extraer compoñentes útiles de interese industrial a partir de descartes e de subprodutos e efluentes da industria alimentaria. Caracterización bioquímica de compoñentes útiles presentes en distintos tipos de produtos e subprodutos pesqueiros, como coláxeno da pel, encimas das vísceras, condroitín sulfato presente na cartilaxe, quitina das coirazas de crustáceos e das cunchas de xiba ou hidrolizados de proteínas obtidos do músculo. Avaliación de aplicacións potenciais destes compostos mediante a caracterización das súas actividades biolóxicas (antioxidantes, etc.) e as súas propiedades funcionais para o seu uso en diversas industrias, como a biomédica, química, cosmética, alimentaria, etc.

  • Capacidades | Deseño de procedementos de desinfección e modelaxe para a prevención da resistencia a axentes antimicrobianos

    Desenvolvemento de estratexias químicas (combinacións de desinfectantes, aceites esenciais) e biolóxicas (encimas, fagos) que sexan efectivas na eliminación de biopelículas monoespecíficas e mixtas en superficies usadas na industria alimentaria. Proba de biocidas e desenvolvemento de mellores estratexias de dosificación de biocidas para a industria alimentaria, garantindo a seguridade alimentaria ao tempo que se evita a adquisición de resistencia a axentes antimicrobianos.