Bolsas TFM | JAE Intro ICUs 2025
O Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC de Vigo (IIM-CSIC) ofrece 10 plans de formación para realizar Traballos de Fin de Máster (TFMs) no marco das Bolsas JAE Intro ICUs 2025.
O obxectivo destas bolsas é iniciarse na carreira investigadora, mediante a realización dunha estancia formativa remunerada durante o curso académico 2025-2026 en centros do CSIC.
Se queres solicitar a túa bolsa, le a ficha da convocatoria e completa o procedemento na Aplicación Convoca.
O prazo de solicitude abre o 1 de setembro. Recomendámosche que, antes de solicitar a bolsa, contactes cos supervisores ou supervisoras da oferta do teu interese.
As bolsas consistirán nunha achega mensual de 800€ por un período de 6 meses, idealmente entre xaneiro e xuño do 2026, agás para as ofertas IIM-05, IIM-06 e IIM-08, que serán entre febreiro e xullo. A data exacta de inicio pode variar e convirse co supervisor ou supervisora de cada oferta. O programa contempla unha dedicación máxima semanal de 20 horas.
A persoa candidata deberá ter un Título de Licenciatura ou Grao en materias relevantes a cada un dos proxectos ofertados, estar inscrita nun programa de máster e NON ter iniciado aínda o seu Traballo de Fin de Mestrado (TFM).
¿Por que o IIM?
O Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) é unha opción perfecta para o inicio da túa carreira investigadora. O IIM representa unha das principais institucións de investigación mariña a nivel estatal e forma parte do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), principal organismo de investigación do país, cuarto en Europa e sétimo a nivel mundial.
O instituto ofrece unha contorna de investigación viva e diversa, ideal para introducirse no mundo da ciencia. Somos un centro comprometido co impacto real na sociedade, creando novas redes de colaboración de forma activa grazas a nosas propias Unidades Estratéxicas de Internacionalización e Transferencia (IACIC) e Cultura Científica (UCC+I).
Traballa connosco e descubre, desde dentro, o mundo da investigación mariña!
Dez plans de formación para iniciarte na investigación
O IIM-CSIC, como institución de investigación mariña dedicada a produción de coñecemento para o desenvolvemento sostible, realiza unha investigación multidisciplinar que responde aos retos globais e ás inquietudes locais, e permite unha comprensión integral e global dos ecosistemas mariños.
En canto á Convocatoria JAE Intro ICUs 2025, o Instituto oferta os seguintes proxectos de formación. Convídase as persoas solicitantes a poñerse en contacto cos supervisores e supervisoras para obter máis información antes de realizar a solicitude.
Para dúbidas relacionadas coas ofertas do IIM-CSIC tamén podes contactar con rrhh@iim.csic.es
Código da oferta: IIM-01
Supervisan: María López Acosta (lopezacosta@iim.csic.es), Miquel Planas Oliver (mplanas@iim.csic.es) e Laura García Peteiro (lpeteiro@iim.csic.es).
Grupo(s) de investigación: Procesos Oceánicos en Cambio Global, Ecoloxía Mariña Integrada e Ecofisioloxía e Biomarcadores e Xestión Sostible de Bivalvos.
Periodo ideal de desfrute da oferta: entre xaneiro e xuño de 2026.
Requisitos:
- Rama de Grao: ter finalizado o Grao en Bioloxía, Ciencias do Mar, Ciencias Ambientais ou similares.
- Nota media de Grao: acreditar unha nota media igual ou superior a 8 en unha escala de 0-10.
- Mestrado Universitario Oficial: Estar matriculado no último ano de Mestrado Universitario e ter os ECTS superados para a realización do TFM.
- Outros méritos: valoraranse positivamente os coñecementos de R ou outras linguaxes de programación.
Descrición:
A alimentación é un factor clave para o crecemento e a supervivencia dos moluscos bivalvos intermareais. Porén, frecuentemente descoñécese a variabilidade estacional das súas fontes de alimento e o seu impacto no estado fisiolóxico destes organismos, o que dificulta unha xestión eficiente dos recursos marisqueiros.
Este plan de formación ten como obxectivo capacitar o/a estudante no estudo da ecoloxía trófica dos bivalvos intermareais na enseada de San Simón (Ría de Vigo), centrándose na dispoñibilidade das potenciais fontes de alimento e no seu impacto no crecemento e estado fisiolóxico da ameixa xapónica (Ruditapes philippinarum) e do berberecho (Cerastoderma edule). Durante esta bolsa, o/a estudante adquirirá coñecementos e habilidades en:
- Técnicas de mostraxe ecolóxica, incluíndo a recolección de microfitobentos, materia orgánica e bivalvos.
- Análise isotópica (δ¹³C, δ¹⁵N) para determinar o nicho trófico e a composición da dieta mediante análise bayesiana.
- Avaliación do estado fisiolóxico dos bivalvos mediante a métrica scope for growth en función da dispoñibilidade de alimento.
- Interpretación de datos ecolóxicos para comprender a relación entre dieta, crecemento, estado fisiolóxico e xestión dos recursos marisqueiros.
O/a estudante participará activamente na recolección e no procesamento de mostras, así como na interpretación e difusión de resultados. Este enfoque multidisciplinar proporcionará unha base sólida para comprender as dinámicas tróficas en ecosistemas intermareais e a súa importancia na xestión sostible do marisqueo en Galicia.
Código da oferta: IIM-02
Supervisan: Patricia López Sánchez (plopez@iim.csic.es) e Cristina Brice Pita (cpita@iim.csic.es).
Grupo(s) de investigación: Química de Produtos Mariños e Ciencias Sociais Aplicadas a Recursos Mariños e Costeiros.
Periodo ideal de desfrute da oferta: entre xaneiro e xuño de 2026.
Requisitos:
- Rama de Grao: ter finalizado o Grao en Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos, Bioloxía Marina o Ciencias do Mar, Enxeñería Ambiental, Enxeñería Agroalimentaria, Química, Bioloxía ou similares.
- Nota media de Grao: acreditar unha nota media igual ou superior a 8, ou igual ou superior a 7,5 en enxeñarías nunha escala de 0-10.
- Mestrado Universitario Oficial: estar matriculado no último ano de Mestrado Universitario e ter os ECTS superados para a realización do TFM.
- Outros méritos: valorarase positivamente ter un nivel intermedio ou avanzado de inglés (B2 ou superior), coñecementos básicos de metodoloxías de investigación, experiencia previa ou interese demostrable en áreas relacionadas cos alimentos, a sustentabilidade ou as ciencias sociais, así como competencias en ferramentas de análise de datos e redacción científica.
Descrición:
As macroalgas mariñas emerxeron como un ingrediente prometedor en aplicacións alimentarias debido ao seu notable perfil nutricional, ás súas propiedades funcionais e ao seu potencial para afrontar os desafíos da sustentabilidade global.
Este proxecto ten como obxectivo investigar de maneira integral a aplicación das algas nos alimentos, centrando a atención en tres dimensións principais: características fisicoquímicas, implicacións socioeconómicas e impactos ambientais. Esta investigación analizará como as propiedades fisicoquímicas da alga parda Saccharina latissima impactan na formulación de produtos lácteos, así como nas súas características sensoriais.
Ademais, o estudo avaliará a biodispoñibilidade dos nutrientes e bioactivos, explorando como o procesado afecta a estrutura das algas e a súa interacción con outros ingredientes. Tamén avaliará a viabilidade económica de escalar a produción de alimentos a base de algas, incluíndo análises de custos, potencial de mercado e barreiras de entrada.
A sostibilidade ambiental é un piar central deste proxecto, dada a necesidade urxente de transitar cara a sistemas alimentarios máis sostibles. O cultivo de algas ten unha baixa pegada ecolóxica en comparación cos cultivos terrestres, xa que non require auga doce, terra cultivable nin fertilizantes sintéticos. Ademais, a produción de algas contribúe á captura de carbono, ao ciclo de nutrientes e á restauración de hábitats mariños. Esta investigación avaliará os compromisos ambientais asociados coa produción a gran escala de algas e o seu papel na redución do impacto ambiental dos sistemas alimentarios convencionais. Os resultados deste proxecto proporcionarán alternativas sostibles, nutritivas e economicamente viables aos ingredientes tradicionais.
Plan de Formación:
- Introdución ás propiedades das algas mariñas
- Características nutricionais e bioactivas.
- Propiedades tecnofuncionais en alimentos.
- Metodoloxías en ciencia de alimentos
- Análise fisicoquímica.
- Técnicas de formulación e desenvolvemento de produtos alimentarios.
- Impacto socioeconómico
- Avaliación do mercado e viabilidade económica.
- Estratexias para a aceptación por parte do consumidor.
- Sustentabilidade ambiental
- Análise do ciclo de vida (LCA) de produtos derivados de algas.
- Beneficios ecolóxicos da acuicultura de algas.
- Competencias transversais
- Comunicación de resultados científicos a públicos diversos, tanto por escrito como de forma oral.
Código da oferta: IIM-03
Supervisan:David Henriques (davidh@iim.csic.es) e José Luis Garrido Valencia (garrido@iim.csic.es).
Grupo(s) de investigación: ): Laboratorio de Biotecnoloxía Acuática e Fotobioloxía e Toxinoloxía do Fitoplancto.
Periodo ideal de desfrute da oferta: entre xaneiro e xuño de 2026.
Requisitos:
- Rama de Grao: ter finalizado o Grao en Bioloxía, Ciencias do Mar, Enxeñería Biomédica, Enxeñería Informática, Intelixencia Artificial, Enxeñería Electrónica Industrial e Automática, ou Enxeñería Eléctrica.
- Nota media de Grao: acreditar unha nota media igual ou superior a 8, ou igual ou superior a 7,5 en enxeñarías nunha escala de 0-10.
- Mestrado Universitario Oficial: estar matriculado no último ano de Mestrado Universitario e ter os ECTS superados para a realización do TFM.
- Outros méritos: valoraranse positivamente experiencias previas de investigación ou publicacións.
Descrición:
As microalgas teñen un enorme potencial para converter o dióxido de carbono e a luz solar en precursores para as industrias químicas e en compostos bioactivos beneficiosos para a saúde que, doutro xeito, serían demasiado complexos de producir empregando métodos convencionais. Varias especies con gran potencial seguen estando relativamente inexploradas, debido a limitacións e á falta de información sobre as condicións de cultivo que optimizan o seu crecemento. Neste proxecto, o/a estudante empregará un minibiorreactor automatizado para controlar as condicións de crecemento das microalgas.
Factores como a luz, a temperatura e o medio de cultivo xestionaranse mediante scripts en Python ou unha interface gráfica de usuario preprogramada. O obxectivo principal deste proxecto é mellorar a produción dun biocomposto de gran interese económico sen obstaculizar o crecemento das microalgas. Trátase dun proxecto multidisciplinar, e o/a estudante contará cun amplo apoio e formación por parte das persoas investigadoras para complementar as áreas que non formen parte da súa formación de base.
Ao final do proxecto, agardamos que o/a candidato/a teña unha comprensión sólida de:
i) o crecemento das microalgas, ii) as partículas e a materia en suspensión, iii) a espectrometría, iv) e os modelos de crecemento.
Temos a intención de publicar os resultados deste traballo e esperamos que o/a candidato/a quede ben preparado/a para postular a un programa de doutoramento posterior.
Código da oferta: IIM-04
Supervisan: Graham Pierce (g.j.pierce@iim.csic.es) e Josep Rotllant Moragas (rotllant@iim.csic.es).
Grupo(s) de investigación: Ecoloxía Mariña Integrada e Laboratorio de Biotecnoloxía Acuática.
Periodo ideal de desfrute da oferta: entre xaneiro y xuño de 2026.
Requisitos:
- Rama de Grao: ter finalizado o Grao en Bioloxía, Biotecnoloxía, Química, Bioquímica, Ciencias do Mar ou enxeñerías relacionadas.
- Nota media de Grao: acreditar unha nota media igual ou superior a 7 en unha escala de 0-10.
- Máster Universitario Oficial: estar matriculado no último ano de Mestrado Universitario e ter os ECTS superados para a realización do TFM.
Descrición:
Cetaceans are essential, protected species that act as strategic sentinels in marine ecosystems, playing key roles in enhancing productivity and promoting carbon sequestration. However, a range of stressors is threatening their populations, leading to cumulative impacts such as declining health, reproductive failure, mortality, and overall population reductions. Under the Marine Strategy Framework Directive (MSFD), Member States are required to monitor cetacean populations to ensure the achievement of Good Environmental Status (GES), particularly in maintaining biodiversity. The MSFD criteria for monitoring cetaceans include bycatch, abundance, demography, distribution, and habitat. To assess population status, it is crucial to evaluate both the health of the population and its distribution range. Traditional monitoring methods, however, fall short in capturing the full complexity of cetacean health and distribution. As such, there is a pressing need for innovative, non-invasive, cost-effective, and sustainable solutions. This training project aims to address some of these gaps by developing a novel, integrated approach to create a population health index. The index will be based on analysis of the cetacean respiratory microbiome, utilizing blow and necropsy samples to gain insights into their health status, and ultimately improve monitoring techniques for better conservation outcomes.
Código da oferta: IIM-05
Supervisan: Miguel Gil Coto (mgilcoto@iim.csic.es), Laura García Peteiro (lpeteiro@iim.csic.es) e José María Fernández Babarro (jbabarro@iim.csic.es).
Grupo(s) de investigación: Procesos Oceánicos en Cambio Global e Ecofisioloxía, Biomarcadores e Xestión Sostible de Bivalvos.
Periodo ideal de desfrute da oferta: entre febreiro e xullo de 2026.
Requisitos:
- Rama de Grao: ter finalizado o Grao en Ciencias do Mar, Físicas, Ciencias Ambientais ou Bioloxía.
- Nota media de Grao: acreditar unha nota media igual ou superior a 8 en unha escala de 0-10.
- Mestrado Universitario Oficial: estar matriculado no último ano de Mestrado Universitario e ter os ECTS superados para a realización do TFM.
- Outros méritos: valoraranse positivamente coñecementos de programación en ámbitos científicos (Python, R, Matlab, C, Fortran).
Descrición:
En Galicia a miticultura ten unha importancia extraordinaria na súa socioeconomía, cunha produción que supera o 95% da española e que sitúa a Galicia como o terceiro produtor mundial. Actualmente hai unha preocupación crecente no sector polo aumento dos problemas de desprendemento do mexillón nas bateas e polas perdas de produción asociadas. O mexillón adhírese ás cordas colectoras co biso, filamentos de coláxeno que o organismo renova cada 4-6 semanas. Sábese que factores como a condición do mexillón, a temperatura da auga, o pH, a velocidade da corrente ou a altura da onda, a localización concreta das bateas dentro das rías ou a epifauna asociada (p. ex. anémonas) inflúen na tenacidade do biso. Entre os factores citados, a caracterización do escenario hidrodinámico (ondada e velocidade da corrente) representa un factor fundamental para o estudo dos desprendementos no cultivo, en especial en épocas ou zonas das rías nas que a cantidade e calidade dos filamentos do biso é menor.
Este plan de formación ten como obxectivo profundar nos parámetros físico-biolóxicos que regulan a fortaleza do biso e as dinámicas de desprendemento do mexillón nas rías galegas. Este obxectivo abordarase mediante o estudo de series temporais existentes da tenacidade do biso de mexillón cultivado na Ría de Arousa, xunto con modelos físicos sinxelos que describen as forzas horizontais e verticais que soportan os mexillóns en función da corrente e da ondada nos seus sistemas de cultivo.
Código da oferta: IIM-06
Supervisan: José Antonio Padín Álvarez (padin@iim.csic.es) e Alexandre Alonso Fernández (alex@iim.csic.es).
Grupo(s) de investigación: Procesos Oceánicos en Cambio Global e Ecoloxía Mariña Integrada.
Periodo ideal de desfrute da oferta: entre febreiro e xullo de 2026.
Requisitos:
- Rama de Grao: ter finalizado o Grao en Bioloxía, Ciencias do Mar, Ciencias Ambientais, Matemáticas e enxeñerías ou similares.
- Nota media de Grao: acreditar unha nota media igual ou superior a 8, ou igual ou superior a 7,5 en enxeñarías nunha escala de 0-10.
- Mestrado Universitario Oficial: estar matriculado no último ano de Mestrado Universitario e ter os ECTS superados para a realización do TFM.
- Outros méritos: valoraranse positivamente coñecementos de R ou outras linguaxes de programación.
Descripción:
As floracións de fitoplancto produtor de biotoxinas representan unha das principais ameazas para o cultivo do mexillón (Mytilus galloprovincialis) en Galicia. Entre elas, as biotoxinas diarreicas (DSP), asociadas aos dinoflaxelados do xénero Dinophysis, destacan polos seus episodios prolongados, que xeran importantes perdas económicas debido ás prohibicións de comercialización e supoñen un risco para a saúde humana.
Aínda que entender a cinética de depuración de toxinas en mexillóns é crucial para unha xestión eficaz, os estudos existentes en condicións naturais son escasos e foron realizados hai máis de dúas décadas. Esta proposta de traballo ten como obxectivo optimizar a modelización da cinética de depuración de toxinas en mexillóns expostos a Dinophysis spp., empregando ferramentas estatísticas avanzadas e analizando variables ambientais ao longo de múltiples ciclos de cultivo en distintos polígonos das Rías Baixas en condicións naturais.
Plan de Formación:
- Construción da base de datos ambiental con diferentes fontes de información (modelos, satélite, bases de datos públicas, etc.).
- Formación na análise de toxinas DSP con técnica CL-MS/MS.
- Formación na identificación de fitoplancto tóxico con microscopía óptica.
- Análise estatística (Modelos Xeneralizados Aditivos Mixtos, etc.) para parametrizar a cinética de depuración de mexillóns en función das variables ambientais.
- Interpretación da capacidade do modelo para reproducir a cinética de depuración e a súa viabilidade como ferramenta predictiva a empregar na xestión do recurso.
Código da oferta: IIM-07
Supervisan: Nicolás Villacieros Robineau (nvrobineau@iim.csic.es) e María del Mar Costa Portela (mcosta@iim.csic.es)
Grupo(s) de investigación: Procesos Oceánicos en Cambio Global e Patobioloxía Molecular Mariña.
Periodo ideal de desfrute da oferta: entre xaneiro e xuño de 2026.
Requisitos:
- Rama de Grao: ter finalizado o Grao en Bioloxía, Ciencias do Mar ou Ciencias Ambientais.
- Nota media de Grao: acreditar unha nota media igual ou superior a 8 en unha escala de 0-10.
- Mestrado Universitario Oficial: estar matriculado no último ano de Mestrado Universitario e ter os ECTS superados para a realización do TFM.
- Outros méritos: valoraranse positivamente coñecementos en oceanografía, estatística básica e nocións de programación en Matlab, Python ou R.
Descrición:
O cambio climático, como fenómeno global, está a xerar variacións ambientais con claras consecuencias nos mares e océanos, tales como o incremento do nivel do mar, a acidificación oceánica e a perda de biodiversidade. Estes cambios afectan directamente ás especies mariñas, incluíndo os bivalvos, facéndoos máis vulnerables a infeccións e reducindo as súas capacidades de defensa e resposta fronte a patóxenos.
Neste contexto, a produción de ameixa rubia (Polititapes rhomboides) sufriu unha drástica caída nos últimos anos, o que supón un grave problema para as confrarías. Estudos realizados tras episodios de altas mortalidades asociaron estes descensos cunha maior prevalencia bacteriana, vinculada a factores ambientais extremos, como temperaturas e oleaxes por riba da media. Estas condicións semellan comprometer as defensas naturais da especie e a súa capacidade de resposta fronte a patóxenos.
Dado que esta especie non se cultiva en criadeiros, é esencial comprender como responde ás variacións ambientais para garantir a súa sostibilidade. Ademais, a súa importancia ecolóxica convértea nun modelo clave para estudar os efectos do cambio climático nos ecosistemas mariños.
As principais actividades a realizar na presente proposta centraranse na análise de datos meteo-oceanográficos de sistemas de observación dispoñibles co obxectivo de coñecer que variables poderían estar a exercer un papel sobre a mortalidade nesta especie. Ademais, levaranse a cabo ensaios experimentais onde se analizará o efecto individual e combinado de diferentes factores ambientais sobre a resposta inmune desta especie mediante ensaios celulares, moleculares e de supervivencia.
Código da oferta: IIM-08
Supervisan: Antonio Figueras Huerta (antoniofigueras@iim.csic.es) e Luis Taboada Antelo (ltaboada@iim.csic.es).
Grupo(s) de investigación: Inmunoloxía e Xenómica, e Biosistemas e Enxeñaría de Bioprocesos.
Periodo ideal de desfrute da oferta: entre febreiro e xullo de 2026.
Requisitos:
- Rama de Grao: ter finalizado o Grao en Bioloxía, Biotecnoloxía ou Ciencias do Mar.
- Nota media de Grao: acreditar unha nota media igual ou superior a 8 en unha escala de 0-10.
- Mestrado Universitario Oficial: estar matriculado no último ano de Mestrado Universitario e ter os ECTS superados para a realización do TFM.
Descrición:
A biodiversidade e a acuicultura están estreitamente relacionadas, xa que a saúde do ecosistema mariño inflúe directamente na produtividade de especies de interese comercial como o mexillón, a ameixa ou o longueirón. A biodiversidade funcional das rías, que inclúe microorganismos, plancto, macrofauna bentónica e pradarias submarinas (Zostera marina), é clave para manter a estabilidade e resiliencia do ambiente mariño. Porén, factores como a contaminación, a eutrofización e o cambio climático poden alterar este equilibrio, afectando a produción acuícola e aumentando a vulnerabilidade das especies explotadas.
O uso de ferramentas avanzadas como o metabarcoding de eDNA, e o rexistro de imaxes mediante vehículos submarinos (ROVs) e o seu procesado con intelixencia artificial (IA) e machine learning, pode revolucionar a xestión e o coñecemento das rías.
O metabarcoding de eDNA permite analizar a biodiversidade mediante a secuenciación masiva de ADN ambiental, identificando microorganismos, larvas difíciles de detectar ou mamíferos mariños. Complementarase co uso de métodos tradicionais de observación. Ademais, facilitará o seguimento de patóxenos como Perkinsus olseni e Marteilia spp., mellorando a prevención de enfermidades na acuicultura.
Por outra banda, o uso de ROVs equipados con cámaras de alta resolución e procesado con IA permite rexistrar imaxes detalladas do fondo mariño, avaliar a calidade do hábitat e detectar cambios ambientais en tempo real. Isto permitirá xerar datos esenciais para a conservación do medio, a xestión sostible dos bancos marisqueiros e a preservación da biodiversidade das rías.
O plan de formación ten como obxectivo dotar o investigador novo dos coñecementos e habilidades necesarias para aplicar o eDNA, as tecnoloxías de imaxe e a intelixencia artificial na avaliación da biodiversidade mariña. Ademais, fomentarase a súa capacidade para interpretar resultados, desenvolver metodoloxías innovadoras e contribuír ao avance da monitorización ambiental mariña.
Código da oferta: IIM-09
Supervisan: María Camino Gestal Mateo (cgestal@iim.csic.es) e Mónica Carrera Mouriño (mcarrera@iim.csic.es).
Grupo(s) de investigación: Patobioloxía Molecular Mariña e Química de Produtos Mariños.
Periodo ideal de desfrute da oferta: entre xaneiro e xuño de 2026.
Requisitos:
- Rama de Grao: ter finalizado o Grao en Bioloxía, Química, Biotecnoloxía, Ciencias do Mar ou similares.
- Nota media de Grao: acreditar unha nota media igual ou superior a 8 en unha escala de 0-10.
- Mestrado Universitario Oficial: estar matriculado no último ano de Mestrado Universitario e ter os ECTS superados para a realización do TFM.
Descrición:
O polbo común, Octopus vulgaris, é unha especie cunha alta demanda de mercado e un recurso pesqueiro moi importante a nivel mundial. Ademais, presenta un gran potencial para a acuicultura e serve como especie modelo para estudos biomédicos. Actualmente, o mucus e a víscera descártanse como subprodutos antes de chegar ao consumidor final, co fin de reducir o peso no transporte e incrementar o tempo de conservación e a calidade do produto. Os subprodutos do polbo común atraerón recentemente unha especial atención debido ao descubrimento de diferentes compostos bioactivos asociados a eles. En particular, describíronse propiedades antimicrobianas e antioxidantes asociadas ao mucus da pel de diferentes cefalópodos. A secuenciación de alto rendemento ofrece unha oportunidade única para seleccionar proteínas asociadas a esta capacidade bioactiva. Ademais, o estudo da actividade microbiolóxica e inmunolóxica, tales como a actividade bactericida, antioxidante ou antiinflamatoria, entre outras, ofrece a posibilidade de analizar as propiedades funcionais destes compostos.
Neste proxecto, propoñemos empregar ferramentas de proteómica e peptidómica de última xeración, como a cromatografía líquida acoplada a espectrometría de masas en tándem (LC-MS/MS), para a identificación e caracterización funcional de biopéptidos presentes no mucus do polbo común. Ademais, realizaremos estudos in vitro para avaliar a súa actividade microbiolóxica e inmunomoduladora, incluíndo propiedades bactericidas, antioxidantes, antiinflamatorias e cicatrizantes. Con estas análises, buscamos non só ampliar o coñecemento sobre o potencial bioactivo destes compostos, senón tamén explorar posibles aplicacións na industria biomédica e alimentaria, contribuíndo ao aproveitamento sostible destes subprodutos.
Código da oferta: IIM-10
Supervisan: Sonia Dios Vidal (sdios@iim.csic.es) e Manuel Pazos Palmeiro (mpazos@iim.csic.es).
Grupo(s) de investigación: Patobioloxía Molecular Mariña e Química de Produtos Mariños.
Periodo ideal de desfrute da oferta: entre xaneiro e xuño de 2026.
Requisitos:
- Rama de Grao: ter finalizado o Grao en Bioloxía, Química, Biotecnoloxía, Ciencias do Mar ou similares.
- Nota media de Grao: acreditar unha nota media igual ou superior a 8 en unha escala de 0-10.
- Mestrado Universitario Oficial: estar matriculado no último ano de Mestrado Universitario e ter os ECTS superados para a realización do TFM.
Descrición:
O polbo común, Octopus vulgaris, é unha especie cun alto potencial para a diversificación da acuicultura. O establecemento dunha acuicultura eficiente e sostible baséase en primeiro termo en garantir o benestar animal, tanto por consideracións éticas como pola necesidade de mellorar a calidade dos produtos de acuicultura. As condicións de catividade e o estrés ao que en ocasións poidan estar sometidos os animais favorecen o desenvolvemento de enfermidades que deben ser controladas. Unha das prioridades para mellorar a súa saúde e benestar en instalacións de acuarios e/ou cultivo é a prevención de enfermidades e o aumento da súa capacidade de defensa. A proteómica de alto rendemento, xunto coa metabolómica, permiten identificar tanto proteínas e péptidos implicados na resposta inmune e na defensa fronte a patóxenos, como a identificación de metabolitos asociados que poderían estar implicados na resposta inmune.
O principal obxectivo desta proposta é o desenvolvemento de metodoloxías non invasivas para a identificación de proteínas e metabolitos con potencial como indicador biolóxico de benestar en plantas de cultivo de polbo. Para iso empregaranse mostras de mucus de pel e branquias, así como do tracto dixestivo e feces de exemplares de polbo adulto mantidos en tanques de cultivo. Desenvolveranse metodoloxías -ómicas avanzadas, incluíndo proteómica de última xeración para a identificación de péptidos bioactivos, e metabolómica para a identificación de metabolitos asociados á súa inmunocompetencia ou ao grao de infección por determinados patóxenos, co fin de identificar potenciais indicadores de saúde e benestar.
Se tes interese en solicitar un dos nosos proxectos de formación debes cumprimentar a solicitude unicamente utilizando a Aplicación CONVOCA na Sede Electrónica do CSIC..
Na páxina de JAE Intro ICUs 2025, tamén na Sede electrónica, atoparás máis información e toda a documentación, incluída a convocatoria. Recomendámosche que leas esta documentación con detemento; a información desta páxina é só orientativa.
Prazos e datas
Recomendámosche contactar dende XA coas persoas responsables da oferta do teu interese, e sempre antes de realizar a túa solicitude. Ten en conta que agosto e setembro son épocas típicas de vacacións, polo que pode haber certo atraso na resposta por parte das persoas responsables da oferta.
O prazo presentación de solicitudes para as ofertas do IIM-CSIC é do 1 ao 30 de setembro de 2025.
Documentación que debes ter a man
Ten en conta que a aplicación che solicitará a seguinte documentación en formato pdf:
▪ Documento de Identidade vixente.
▪ Grao: Certificación académica persoal ou Expediente académico. No caso de estudos cursados en sistemas universitarios estranxeiros, o documento xerado por Ministerio de Educación e Formación Profesional (MEFP) co cálculo da equivalencia das cualificacións.
▪ Mestrado: matrícula do Máster Universitario oficial.
▪ Currículo xunto á documentación que acredite os méritos presentados. Deberás unir o CV e os documentos acreditativos dos méritos nun único PDF antes de presentalo.
▪ Declaración responsable segundo impreso:
▪ De non ser persoa beneficiaria dunha bolsa do programa JAE, en calquera das súas modalidades.
▪ De non estar en posesión ou disposición legal de obter o título de Doutor/a.
▪ De que a persoa solicitante cumpre cos requisitos establecidos no art.6 da convocatoria.
Dúbidas?
Antes de consultar as túas dúbidas, recomendámosche que consultes a información dispoñible na Sede Electrónica do CSIC.
En concreto, non deixes de consultar:
Se segues con dúbidas, contacta connosco:
- Para dúbidas relacionadas coa plataforma, o proceso xeral de solicitude ou as condicións da convocatoria, contacta coa Organización Central do CSIC, Dpeartamento de Posgrao, en JAE Intro no CSIC (jae@csic.es).
- Para dúbidas sobre a temática, os prazos ou as datas das ofertas do IIM-CSIC (as presentes nesta páxina) contacta co Instituto de Investigacións Mariñas no correo de JAE Intro no IIM-CSIC (rrhh@iim.csic.es) ou coas persoas supervisoras de cada oferta.